Featured image of post Superavoas
Featured image of post Superavoas

Superavoas

O pasado vinte e cinco de xullo, con motivo do día da patria, pasoume polas mans un artigo no que se facía homenaxe ás superavoas. No artigo facíase referencia a ese superpoder que parecen ter as mulleres galegas, esa resistencia a todo, esa capacidade de aloumiñar no peor dos momentos… e sobretodo, o artigo facía fincapé nun concepto moi interesante: “Poden, sempre poden…” As nenas precisan referentes aos que copiar. Personaxes que atraian a súa atención e que lles dean exemplo. Cando eu era cativa observaba a miña nai e a miña avoa tal e como o fan a maioría de nenas. Eu vía por suposto a esas mulleres invencibles que eran as primeiras en reaccionar ou as últimas en abandonar cando facía falta. Por iso sempre estaban ali, xunto aos seus nenos e as súas galiñas. Xunto á súa horta, na súa casa. Eran mulleres que coidaban da súa familia incondicionalmente e que sempre atopaban a maneira de tirar cara adiante. Levaban sempre o mesmo mandil con moreas de buratos porque a elas non lles importaba o seu aspecto, a elas preocupáballes o benestar da súa familia. E se podían estirar o mandil uns meses máis iso significaba que terían máis para lle dar aos seus seres queridos. Á súa filla. Á súa neta. Eran mulleres boas de corazón. Tan fortes que se non había homes elas podían con todo o traballo sen descuidar as śuas propias labores. Parecía maxia: que si facer o caldo, que si apañar unha terra de patacas, que si bañar aos cativos, que si as vacas… E aínda había tempo para desenmarañarlle o pelo ás nenas e facerlles unha trenza antes de durmir. Con ese exemplo medrei, e así quixen ser. Quixen ser a supermuller que se convertirá nunha supernai e nunha superavoa. Ser forte e non chorar, para que o meu ombreiro sempre estivese dispoñible. Esforzarme en axudar aos demais, porque iso me daba valor. Tanto valor como eu lle daba á miña nai e á miña avoa. Amor. Eu pensaba que cando te desvives polos demais, tal como elas o facían, acabarás recibindo tanto amor coma eu sentía. Un amor inmenso que se transformou inevitablemente en admiración. Mais a realidade, paciente, sempre acaba por se revelar. Que significa ser unha superavoa? Significa esquecerte a ti mesma e non vivir. É o producto de someter un gran potencial ás normas do machismo. Unha superavoa é unha superviviente. Unha gran superviviente que merece unha homenaxe, si. Pero non é unha heroína nin ten superpoderes. Decidiu cargar con todo o que lle botasen enriba e contentar a todos coa esperanza de que iso traeríalle paz aos demais. Se queremos homenaxear ás mulleres que sobreviviron a semellante época de machismo e fascimo deberiamos deixar de admirar o feito de que “sempre poden”. Para empezar, porque non é certo. Non é certo que sempre poidan. É certo que sempre están aí, mais sempre están aí por nós, pola súa familia. Pero nunca están aí por elas mesmas. Cando lles toca a elas?

Non deixo de admirar a fortaleza coa que miña nai e miña avoa sempre se enfrontaron ás adversidades da vida. Se non fose por elas probablemente eu non estaría aquí. De feito gracias ao seu exemplo eu mesma puiden, incluso cando me parecía que non podía. Mais se puidese cambiar algo nelas sería que de vez en cando me houbesen ensinado como unha superavoa se coida a si mesma.

Ou é que queremos perpetuar a imaxe da muller como un ser vivo que, para ter valor, debe de sufrir?

Penso que non hai mellor maneira de acabar este post que con Matriarcas de Gaudi Galego. https://open.spotify.com/track/4549WNmIYFwHzk1bPa7axN?si=nOlqVlnsTz-_ukBn7vlh_w


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy