Featured image of post Sobre min
Featured image of post Sobre min

Sobre min

O erros non nos apartan da verdade, de feito o recoñecemento dos mesmos achégannos máis a ela.

Lucía Ferro (1991, San Miguel de Reinante (Barreiros))

Comecei a escribir moi nena pola necesidade que sentía de expresarme. Dende moi cativa notei que comunicar as miñas emocións e opinións en voz alta non era benvido, non era seguro. Atopei entón na escritura a ese confidente seguro que sempre me escoitaba sen importar o que tivese que dicir. Relatos e poemas encheron páxinas e páxinas que por desgraza se perderon.

Medrei nunha fermosa aldea da costa mariñá de Lugo. Alí aprendín a xogar ao fútbol e a desfrutar do mar no inverno. Aprendín outras cousas, boas e malas, pero esas dúas son unha importante parte da miña personalidade. Observar unha forza tan inmensa como é o mar traballando con tanta lentitude e persistencia como o fai ao tallar as rochas que forman o acantilados, faiche… canto menos pensar. E escribir moitas metáforas nas que a auga salgada é a protagonista.

Co tempo chegou a universidade, en A Coruña, onde comecei a cuestionarme a min mesma e me independicei. Nas cidades perdes o contacto coa natureza, cousa que detesto, mais son indudablemente un punto de encontro para distintas formas de cultura e coñecemento; e por elo foi unha transición agridoce e enriquecedora. A pesar de todas as sinais arredor da escritura, non me deu a min por estudar literatura. Tampouco tradución ou filosofía. Estudei enfermería, que era o que cría necesitar unha rapaza de dezasete anos para poder salvar o mundo (e ás persoas que ela amaba). Aínda así, a escritura perseguiume tamén durante a universidade. Foi daquela cando me animei, en serio, a escribir unha novela. Trinta e tres páxinas despois decateime de que non tiña nin idea do que estaba a facer. Equivocadamente, no canto de aprender, rendinme e decidín volver aos meus relatos e aos meus poemas.

Xusto ao acabar a carreira emigrei a Cambridge (Inglaterra) onde aprendín inglés e descubrín a gran variedade de culturas que existen. Cando marchas tan lonxe do lugar que te veu nacer evolucionas á forza, pois os golpes de realidade chegan a miúdo e con brutalidade. Máis tarde mudeime a Eindhoven (Países Baixos), onde resido actualmente. Aquí aprendín holandés e atopei a tranquilidade que precisaba para verdadeiramente coñecerme a min mesma, proceso indispensable para medrar como escritora.

Na vida todos atravesamos bos e malos momentos. Durante unha boa parte da miña os malos momentos acumuláronseme e producíndome moita dor. Por riba, debido ás circunstancias, tardei en procesar todo o ocorrido o cal só empeorou a situación. Escribir converteuse no meu salvavidas para sobrevivir ás dificultades, para aliviar a dor e tamén, para sentirme satisfeira e realizada como persoa. A enfermería é unha profesión moi valiosa pero se somos honestos, moi pouco gratificante, pois o certo é que eses bonitos instantes nos que sentes que todo o esforzo valeu a pena, son moi escasos.

Publicar a miña primeira novela non foi sinxelo mais ver que conseguira escribir un libro con certo valor social encheume de orgullo. Isto animoume a tomar a decisión que tanto rondara a miña cabeza e que non me atrevía a levar a cabo. Tras oito anos de experiencia e un gran agradecemento á profesión e a todo o que aprendín, deixei atrás a enfermería (ou polo menos púxena en pausa) para dedicar todo o meu tempo a escribir.


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy