Featured image of post Quen Son Eu?
Featured image of post Quen Son Eu?

Quen Son Eu?

Para comezar vou a desculparme con aquelas persoas que se sintan ofendidas ou que non desexasen que esta historia fose publicada. Non a escribín en procura de xustiza, xa é tarde para elo. Sae da culpa que tantos anos arrastrei por non ter podido salvar a meus pais. É simplemente un reclamo da miña existencia. Só busco liberar o meu pensamento para deixar de sufrir por dentro. Así que perdón se a miña liberdade che produce dano, esa non é a miña intención.

Se queredes sentir o mesmo ca min:

Teño trece anos. É venres. Miña nai, enferma de cancro séntese con ganas de vivir. Miña irmá e máis eu somos felices véndoa desfrutar da vida como nunca antes fixera. Saímos a tomalos viños. Esa xa é a rutina habitual de papá. Cada tarde, sobre as sete, comeza a dar voltas inquietamente pola aira. Hai algo que lle falta, algo que o desasosega. Mamá ponse a saia vermella que tanto a favorece. Eu quero axudala e intento peitear a súa perruca. Non o consigo facer ben así que pídolle axuda a miña irmá. Ela, de mala gana, ensíname de tódolos xeitos. Mamá está fermosa. A perruca está acabada de peitear e os beizos locen unha cor granate que parece darlle forzas. Séntese feliz. Finalmente marchamos os catro no noso novo Seat Ibiza de segunda man. Tomar os viños trátase de facer unha ruta polos diferentes bares do municipio. En cada local tómase un viño e os amigos invitan a outro. Desa maneira pronto pérdela conta ata que chega a media noite e te atopas no último bar esperando a tan soada derradeira.

Papá está borracho. Non é novidade para ninguén. Mamá non o está, o alcohol non é compatible con o tratamento que está a tomar. Aínda que a veces parece que lle gustaría poder beber para soportar mellor o sufrimento que lle provoca que meu pai se entregue ao alcohol máis que a si mesmo. Eu tamén sinto vergoña, non quero estar alí, non desa maneira. Busco a miña irmá coa mirada. Ela tamén está incómoda pero finxe darlle todo igual. Non sei se é para anoxar a meu pai ou para imitar a valentía de miña nai. Non me tranquiliza. Miro ao meu arredor tratando de atopar unha solución á situación. Quero axudar, quero coidar de mamá.

Todo o mundo no bar sabe o que está a ocorrer. Algúns intentan axudar. Veña matachín, que mañá é outro día. Escoita á túa muller, oh, que nós tamén marchamos, non vés que xa non hai para onde ir? Non, amigo, non che poño máis viño que xa che da que facer aguantar a copa.

Outros rin as súas gracias ou fican mirando dende un recuncho. Ten moito vicio pero non lle fai mal a ninguén. Hainos moito peores.

Mamá empregou a súa pose máis autoritaria, miña irmá fixo uso do seu inconformismo innato que nunca o deixaba indiferente e eu saquei a miña mellor interpretación de nena inofensiva que sempre o calmaba. Non sei como pero papá camiña cara o coche e tras uns cantos xogos remata por darlle as chaves do coche a miña nai. El entra no asento traseiro do coche e eu canda el para mantelo tranquilo. Miña irmá ocúpase de manexar a ansiedade que miña nai sofre cada vez que ten o volante entre as mans: recórdalle que a pesares de ter un accidente cando era máis nova sabe perfectamente conducir.

Por fin, na casa. Onde se supón que eu me debería sentir segura. Abrimos a porta da entrada e acompañamos ao borracho ata a cociña. O corredor da casa é amplo pero el vai tocando ambas paredes. Déixase caer sobre a cadeira máis próxima á cociña de leña. Eu temo que caia e que volvamos a ter que ir a urxencias coma a última vez. Houbo sorte. Mamá ofrécelle sopa de cocido. Ela sabe que é a preferida de papá e por iso a miúdo a deixa preparada. Papá acepta fretando as mans e cun sorriso. Todas temos a esperanza de que o calmará o suficiente como para que lle entre o sono. Namentres miña irmá acende o lume e eu doulle conversa. A maioría das veces non estou de acordo co que me di, pero eu sempre lle dou a razón. Se quere esbardallar sobre algunha persoa eu falo mal dela. O mellor sempre é levar o tema á política. Aí el pode liberar enerxía sen que ninguén en concreto sexa o seu obxectivo. Mais hoxe está doente. Sen rematar o prato de sopa érguese e comeza a rexistrar o bolso de miña nai o cal colga dunha cadeira. Mamá pregúntalle que busca. Non contesta, ela xa o sabe e el sabe que ela xa o sabe. É o mesmo xogo de sempre. Onde están as chaves do coche? Voume.

Non importa cantas veces lle expliques que non está en condicións de conducir. Tampouco o vas a convencer con iso de que seguro que está pechado. Cando papá estaba borracho só se trataba dunha cousa: levar a contraria. E mamá non ía a darlle as chaves do coche para que se fose matar por aí, a el e a sabe deus quen máis. Como consecuencia papá comeza a soltar comentarios ofensivos. Non lle chama puta a ninguén porque sabe que non lle funciona. Dinos cousas desapiadadas que saiba que nos vaia a facer reaccionar. A ver cando te casas e deixas de darme a lata. Aquí faise o que eu diga que para iso son o home. E ti que cres que me vas a facer se es unha nena pequena, se quero mátote dun golpe. Estaba claro que papá quería irse. El sabía que nos estaba a facer dano. Aínda así mamá quere que se quede para poder coidalo. E aínda así mamá non lle da as chaves porque teme que teña outro accidente e que esta vez morra alguén. Papá goza do momento, podo velo nos seus ollos: Non sabe como facer que mamá lle deixe matarse, sendo un alcólico ou nun accidente de tráfico. Dalle igual.

Eu non sei como dicirllo a mamá. Estalle a dar un ataque de pánico.

Non sei como dicirllo a miña irmá. Estalle a dar un ataque de ira e non para de berrar.

Mamá di que vai durmir. Que el que faga o que queira pero que vaia andando. É un truco barato pero, nel, ás veces funciona. Papá séguea polo corredor e nós atrás deles. El non fala. Sabe o que quere, quere as chaves do coche. Xa sabes, para anestesiarse bebendo e morrer a gran velocidade. Agora atopámonos enfronte á porta do seu cuarto, xusto no recibidor da casa. Mamá e papá pelexan polas chaves como o fago eu no colexio cando o matón da clase me quita o caderno. Papá consegue as chaves por un segundo pero enseguida lle caen ao chan. Cambaléase tanto polo alcohol que bate contra as plantas que decoran a entrada. Os tarros caen ao chan. Os pedazos de louza e a terra cóbreno todo. El non se fixo dano aínda que fose iso o que el quería. Aproveitando a confusión mamá colle novamente as chaves e unha vez máis rógalle que non se vaia ou que polo menos non conduza esta noite. Papá volve a advertila pois ten medo de que ela non lle deixe marchar. “É o meu coche e se quero levalo, lévoo.” Cando ten dor, papá non dubida. Sabe canta dor ten, así que tal coma fixo seu pai, busca no alcohol un analxésico. Sen previo aviso agarrou a mamá polo pulso. Facíao de cando en vez. A primeira vez que mo fixo tiña eu sete anos. Mamá berra que a solte. Papá aperta máis forte. “Déixaa! Por favor.” Papá retorce o brazo ata que a inmobiliza para así quitarlle as chaves da man. Ese é o momento no que sei que lle podo pegar. Pegámoslle ata que a solta. Miña irmá, enfadada, empurra a mamá dentro do cuarto. Papá está no chan e comeza a erguerse. Miña nai chora e miña irmá berra o meu nome. Eu tamén entro no cuarto. Fechamos a porta co pasador. Estamos atrancadas. Mamá ten as chaves e Papá demándaas dende fóra. De súpeto fica en silencio.

Sabedes ese momento de tensión no que non sabes se todo está a punto de se calmar ou se unha gran bomba está a punto de explotar? Esa sensación faiche tremer coma unha árbore nun día de vento tolo. Sénteste indefensa e non ves maneira de retomar o control da situación. Entro en pánico e quero chorar, pero algo no meu interior me di que se o fago serei unha choromicas. Mamá comeza a chorar e a pedirnos perdón. Xustifica as súas decisións explicándonos canto amor nos quere dar pero non pode. Cando lle dicimos que nos fai moito dano, chora.

Bum! O primeiro golpe faille vibrar á porta e resoa por todo o cuarto. Podo ver como a fechadura loita por manterse no seu sitio. Mamá quere razoar con el. Bum! Bum! Bum! Os golpes parecen atravesar a porta coma ondas de radio. Podo sentilos no meu corpo porque cada vez que se escoita un o meu corazón acelérase un par de revolucións. Bum! Crash! Este é o momento no que descubro que meu pai non está a petar na porta coma un tolo. Papá está a tumbar a porta cunha maza. A madeira quebra pouco a pouco segundo os golpes caen. Pregúntome se eu sería capaz de levantar semellante pedazo de ferro. Lembro que unha vez o intentara e non me fora fácil levantalo só uns centímetros.

Mamá segue a rogarlle que pare. Miña irmá rógalle a miña nai que nos ame. Eu pídolle a deus que todo se deteña por un momento por que non podo pensar. Decido unirme a miña irmá. Eu tamén lle pido a miña nai que o deixe ir. Que se non se mata el por aí mataranos a nós aquí. Mamá non nos escoita. Papá conseguiu facer un burato na madeira e agora mete a man por el. Case alcanza a fechadura. Suplicamos unha vez máis. Decátome de que estou a tremer porque case non noto as miñas pernas. Teño medo, moito, porque sei que se meu pai atravesa a porta irá directamente ao pescozo de miña nai para logo tirala no chan e rebentarlle a cabeza contra o terrazo. Non sería a primeira vez. Coma aquela outra vez que estaba borracho e discutía con miña irmá. Tirouna no chan da aira e deulle un golpe na cabeza contra o chan. Por sorte non había rocha ningunha e por sorte apareceu meu irmán maior no último momento para deter o que fose que fose a facer.

Eu dígolle a papá que lle lanzarei as chaves a través do burato. Mamá négase por centésima vez. Por amor, por medo, por vergoña, non o sei. Négase. Non importa porque eu e miña irmá estamos nunha misión. Vamos a protexela aínda que ela non queira. Agora pelexamos con mamá ata que lle quitamos as chaves. Papá alcanzou o fecho e está a punto de abrir a porta. Miña irmá agarra a mamá e eu corro cara a porta e guindo as chaves a través dela. Aí as tes. Vaite e mátate por aí se queres! Papá marcha e nós quedamos tremendo.

Durante uns minutos ficamos abrazadas unhas ás outras. Despois mamá desculpase pero nós estamos enfadadas porque as nosas vidas valen menos que as do seu marido. E entón déixome levar pola ira. Preparo unha maleta para papá. Roupa, zapatos, menciñas. Non esquezo nada que poida precisar. Meto as súas pílulas para a dor reumática e os distintos inhaladores que o manteñen vivo. O que quero non é botalo da casa, só quero que escarmente. Que ao volver comprenda o que pode perder. Como facía mamá cando finxía marchar da casa para que el non se fose de viños outra vez. Ao fin e ao cabo aquilo funcionara ata que el se decatou de que mamá sempre volvía. E agora eu estaba desesperada. Remato coa maleta e colócoa na porta da casa. Pecho as portas e deixo a chave atravesada. Cerro as ventás e baixo as persianas. Esta noite aquí non entra.

Papá foi durmir á casa de seus pais onde tamén vivía súa irmá. Miña tía chamou ao día seguinte para escoitar a historia completa. O mellor amigo de meu pai, quen pouco tempo despois se quitou a vida, tamén quixo escoitar o meu testemuño. Eu non quería dar o brazo a torcer, non quería deixarlle volver. O amigo de papá era o mellor que tivera nunca. Quería axudarlle a deixar de beber porque el xa perdera a súa familia por mor do alcohol. Prometeume que o axudaría levándoo a traballar con el para que non tivese tanto tempo libre para ir ao bar. Miña tía pola contra, ensinoume unha importante lección de vida. Meu avó tamén foi un alcólico empedernido durante a maior parte da súa vida así que eu escoiteina. Eu tiven que vivir o mesmo ca ti e sigo aquí. Ela probablemente viviu algo moito peor. Non o podo saber xa que agora non nos falamos. Finalmente cedín. A papá non o querían na casa na que nacera e parecía que eu non ía a morrer por medrar cun pai así. Ese día aceptei vivir con medo e así o fixen durante anos. Hoxe escríboo aquí para deixar de facelo. Porque o que máis nos aterra e pensar que non nos merecemos ese amor que chaman vida.

E se agora vos come a pena por dentro:


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy