Featured image of post Que é iso que nos dan as historias que nos gusta tanto?
Featured image of post Que é iso que nos dan as historias que nos gusta tanto?

Que é iso que nos dan as historias que nos gusta tanto?

A seguinte foto é un fragmento do libro “El Héroe de las Mil Caras” de Joseph Campbell. El é o pai da psicanálise do mito. Estudou unha gran variedade de historias e analizou tanto a súa estrutura como o seu significado. Neste fragmento el trata de explicar que é iso que nos dan as historias que nos gusta tanto. A súa forma de escribir pode resultar un pouco densa e por iso decidín compartir convosco a miña interpretación das súas palabras.

Campbell considera que as historias se moven grazas á toma de decisións á que se enfronta o protagonista, ou nós mesmos. Sempre existe unha elección. Non é que non nos teñamos que enfrontar a dificultades, non é iso. Trátase do punto de vista que decidimos tomar á hora de enfrontarnos a esas dificultades. Por un lado está o camiño do deber, é dicir, as obrigacións procedentes das crenzas familiares ou da comunidade máis inmediata. Neste caso a persoa exiliada da comunidade perde o valor como individuo, no que a esa comunidade respecta. Iso é o caso das minorías, persoas invisibles para a sociedade. Véndoo desta maneira, é moito mellor sucumbir ás normas, pois do contrario podes perdelo todo: familia, amigos, traballo… Ninguén escollería ese exilio á lixeira. Por sorte existe outro punto de vista. Outra decisión que tomar. Outra elección na que escolles o exilio (ou rexeitamento) como primeiro paso na procura dun mesmo. Esta elección quítache o amparo da túa antiga comunidade pero dáche liberdade para ser o que realmente es. Ninguén mellor ca ti sabe que é o mellor para ti. A miúdo tratamos de axudar aos nosos seres queridos aconsellándolles que facer pero , aínda que sexa moi frustrante, só o propio individuo ten a resposta. Se esa frustración non fose suficiente, mentres non nos atopamos a nós mesmos, acostumamos a imitar a outros en aspecto e comportamento. Mais debemos lembrar que a vestimenta e o físico dunha persoa só nos di como esa persoa decidiu expresarse, non nos di que é o que esa persoa sinte por dentro. Levamos as cores de moda, vemos os filmes dos que todo o mundo fala, viaxamos a eses sitios nos que hai que se sacar a foto de rigor… Por natureza mentimos canto faga falta para sobrevivir nunha comunidade que só acepta individuos canónicos e que castiga a aqueles que se autodeterminen. Pero nas historias os protagonistas non fan iso, non precisan facelo. Iso é o que nos ofrecen as historias, unha realidade paralela na que non hai que ter medo a ser un mesmo.


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy