Featured image of post A Primeira Páxina Da Túa Novela
Featured image of post A Primeira Páxina Da Túa Novela

A Primeira Páxina Da Túa Novela

Sabes que é o que busca un lector na primeira páxina do teu libro?

Unha vez máis estás a repasar a primeira páxina da túa novela. Xa cambiaches o comezo tantas veces que che resulta imposible identificar os puntos clave que lle proporcionarían ao lector unha boa impresión. Por riba, sabes que esa primeira impresión fará que o lector se decida ou non a ler o libro e determinará, en parte, a actitude coa que o lerá.

Por iso é importante ter claro que é exactamente o que busca lector habitual nesa primeira páxina. O lector fíxase en tres puntos principais:

1. De quen é a historia?

Na maioría dos casos o lector namórase dunha historia ao identificarse coa personaxe principal. Ese vínculo emocional afianza a atención do lector polo que é conveniente presentar á protagonista o antes posible, sendo a primeira páxina o lugar máis axeitado.

2. Que está pasando?

A única maneira de conseguir que o lector desexe ler máis é xerándolle unha dúbida que desexe irremediablemente resolver. A mellor dúbida de todas é preguntarse cales son as consecuencias dunha acción acabada de iniciar. É así que nesa primeira páxina a personaxe protagonista debería iniciar unha acción inesperada con posibles consecuencias.

3. Que é o que está en perigo?

Ver unha personaxe en acción non será suficiente se non coñecemos o a súa motivación. A protagonista debe darnos algunha pista sobre aquilo que desexa protexer ou acadar. Cando o lector ten esta información será capaz de comprender e identificarse mellor coas accións da personaxe.

Podemos ver que en verdade o lector non precisa moito para agasallarnos coa súa atención pero aínda así non é tan sinxelo atrapalo dende a primeira páxina. Aquí comparto con vós algúns consellos que me foron dados e que me funcionaron dende o primeiro momento en que os empreguei.

I. Comezar cun golpe.

O lector abre un libro porque quere entrar nun novo mundo. A mellor maneira de interesalo é introducíndoo de golpe nunha situación de esmorecemento vital. É dicir, un momento no cal a protagonista se ve obrigada a actuar xa que a súa vida, alguén próximo ou algo de gran importancia para a protagonista está a perigar.

II. Crear as preguntas adecuadas.

Xa falamos que xerar dúbidas no lector é importante. Agora vamos intentar afinar o tiro escollendo a mellor pregunta posible. E como se fai iso? Simple, asumindo que o teu lector non é parvo. Non precisamos inventarnos un misterio moi complicado para que unha historia resulte interesante. É dabondo con racionar a información que lle proporcionamos ao lector dando pequenas pinceladas e deixando que a imaxinación do lector encha os ocos. As propias personaxes poden facerse preguntas que non serán respondidas ou falar con naturalidade sobre algúns aspectos da trama ou das súas vidas que o lector aínda descoñece. Se logo somos capaces de manter a coherencia na nosa historia, é recomendable xerar varias dúbidas no lector que logo se resolvan progresivamente segundo avanza a novela.

III. Os detalles específicos sustentan a historia.

Cando repasas o comezo do teu libro por centésima vez xa deberías saber exactamente cal é a temática da túa novela. Pois ben, a primeira páxina é o lugar idóneo para mencionar o tema da obra. Mais non podemos xeneralizar, debemos comunicar a temática tomando a nosa protagonista como exemplo específico da mesma.

“To hold the brain’s attention, everything in a story must be there on a need-to-know basis.” - Lisa Cron -

“Para manter a atención do cerebro, todo o contido nunha historia debe ser relevante para a historia.” Evitaremos por tanto as reflexións vitais e calquera outro desvío que nos afaste da liña principal da historia. As persoas non pensamos en términos xerais e abstractos, pensamos en imaxes específicas e en situacións concretas. Por iso, calquera idea conceptual, abstracta e xeral que teñamos e desexemos integrar na historia, deberá ser convertida en algo tanxible na experiencia específica que vive a protagonista. Sempre que unha información nos permita coñecer mellor a un personaxe ou nos explique mellor a trama, é relevante. Se non aporta ás personaxes ou á trama, non o queres na túa novela.

O último consello é o mellor

“Whenever possible, tell the whole story of the novel in the first sentence.” - John Irving -

A primeira vez que o escoitei pareceume un despropósito. “Cando sexa posible, conta toda a historia na primeira oración da novela.” Nunha soa frase? Imposible! Iso non se pode facer! Como vas a contar un libro enteiro nunha soa frase? . . . Tranquilos, xa entrei eu en pánico por vós. Isto ten unha explicación. Do mesmo xeito que presentas á personaxe protagonista ou a temática da novela o que aquí se pretende é presentar o argumento da mesma. Nunhas poucas palabras trataremos de resumir en que vai a consistir a viaxe da protagonista. Non nos temos que preocupar demasiado por xerar misterio, unha única oración non da para revelar gran cousa.

Ex.: Sen deterse a observar a persoa coa que tropezara, Xavier entrou no xulgado de paz e dirixiuse rapidamente á recepción ignorando que meses despois os seus miolos serían esparexidos por aquel mesmo mostrador.

Se analizamos este exemplo vemos como cunha soa frase coñecemos ao protagonista (Xavier), sabemos que está a facer (tropeza cunha persoa descoñecida e entra no xulgado de paz) e sabemos o que periga (a súa vida). Tras esta primeira oración pódense crear novas dúbidas e completar con detalles máis específicos.

Ex.: A administrativa non estaba. Saíra cinco minutos ao cuarto de baño, segundo dicía un papeliño colocado estratexicamente xunto a un cunco de caramelos. Xavier colleu un e rillouno cos dentes coma se fose unha goma de mascar. De seguido colleu unha presada e continuou facendo o mesmo co resto dos doces. Non tiña tempo para esperar mais ía ter que facelo, os seus negocios dependían délo.

Cunhas pouca liñas máis xa coñecemos detalles concretos sobre Xavier (ten pouca paciencia e gústalle o doce). Tamén xeramos preguntas: Por que leva tanta presa? Que vai a facer ao xulgado da paz? Que pasará cos seus negocios se non o arranxa? Cales son os seus negocios? Non todas preguntas precisan ser resoltas de inmediato para comprender a situación que Xavier está a vivir dese xeito pódese continuar coa escena e manter o misterio. O lector xa ten unha razón para seguir lendo.

Aplicando estas estratexias non só na primeira páxina pero ao comezo de cada capítulo aumentaremos a tensión da experiencia literaria e a atención do lector durante toda a historia. Espero que estes consellos e exemplos vos axuden a comprender un pouco mellor a psicoloxía dos vosos lectores e que iso vos faga desfrutar aínda máis da escritura.

E para eses momentos nos que nos falta inspiración unha composición de violonchelo de Johann Sebastian Bach https://open.spotify.com/track/17i5jLpzndlQhbS4SrTd0B?si=Ud0eNNbSTbCI7-8gdNJKDg


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy