Foto de Maria Orlova - Unsplash
Para ti, sexas quen sexas.
Illadas cada unha na súa casa,
separadas por muros de argamasa,
sen nome, sen vida e sen fala,
así nos quere a ideoloxía aburguesada.
Sen redes non se come nen se chama
a quen nos apoia cando se nos ataca,
por iso é unha estratexia necesaria
esa de manternos soas e enfrontadas.
Non sempre é unha muller a que nos salva
pero sempre leva o feminismo na alma
porque a igualdade é unha lei innata
que o patriarcado destrúe e mata.
Son importantes todas as vidas humanas,
a vida en xeral, pois diso se trata
de honrar a natureza que tanto nos regala.
Chegou o momento de enterrar as armas
para que florezan alto as nosas entrañas,
que medren, que vivan, dignificadas,
sen medo, sen feridas e con menos rabia.
Loitamos pola supervivencia cando fixo falta
ata tornar a humanidade nunha besta mala
que arrasa coa terra, co aire e coa auga
para fabricar moeda, esa cuncha imaxinaria.
Vivimos nunha ficción onde a crueldade gaña
para alivio duns poucos aos que nin o amor agrada.
Cómprano, extráeno, fórzanno, e nunca os sacia.
Se se lles deixa, unha cousa está clara:
Acabarán co planeta Terra, con Marte e coa galaxia.
Mais non desesperes, non son todo desgrazas
temos o feminismo activo e en marcha
para facerlle fronte a inxustizas e a farsas,
para expoñer os abusos e aos seus fachas.
As persoas non queren luxos, queren necesidades básicas,
os nosos dereitos humanos que aínda nos arrebatan.
Non retrocedemos camiño, aguantamos a batalla
celebramos a vitoria cando unha lei é aprobada
e sentímolo éxito cando esta se ve aplicada
pois ata aos conservadores lles gusta desfrutalas.
Eles fartos de neoliberalismo, e a liberdade sen probala.
Cando ven que poden exercer o amor que tanto buscaban
deixan de cuestionarnos e eles tamén axiña casan.
Nunca se lles esgotan as escusas baratas,
tanto arremeten contra mulleres liberadas
coma critican outras formas de democracia
ou tiran bolas de goma a persoas racializadas.
Non inverten nunha mente equilibrada
non cren nin na psicoloxía nin na terapia,
a súa actitude sempre está endeusada
pois están cegos á vulnerabilidade humana.
Iso mesmo é o que a todos nos dana,
non son as feridas, é o negarse a tratalas.
O día que descubran que a dor pode ser paliada
e deixen de bebela, fumala e inxectala,
poderemos imaxinar a paz e incluso acadala.
Manteñámonos firmes nesta utopía deseñada
pois serán os soños desas mentes esperanzadas
os que nos permitirán crear unha realidade igualitaria.
Que é o feminismo? Esa cuestión tan pouco preguntada.
Moreas de xente supoñen que é unha muller enfadada,
outras non ven inxustiza dende a súa posición privilexiada,
mais unha vez que alguén se digna a escoitala,
achan que a sociedade leva moito tempo infectada.
De súpeto comprenden que non é unha rabia infundada,
pois notan a mesma frustración na súa vida diaria.
O home séntense enteiro aínda cando as bágoas lle mollan a cara.
A muller que tanto sufriu xa non precisa ser vitimizada.
Ser inmigrante deixa de ser unha condena herdada.
Expresarte con arte xa non é unha conduta penalizada.
Todas as cores do arco da vella son aceptadas
e se aínda falta algunha faremos por integrala.
Feminismo interseccional ou igualdade comunitaria,
a posibilidade social tanto me da como queiras chamala,
sempre que a esta e a esa persoa saibas respectalas.
Non ten por que ter a túa opinión nin a máis acertada
para ter dereito a falar e ser escoitada.
Para que a humanidade sobreviva á crise climática
é preciso que a diversidade sexa alimentada,
posto que as ideas que ata agora foron probadas
proveñen na súa maioría de persoas interesadas
en manter o status quo a base de patrañas.
Dígocho a ti, persoa concienciada, mexes de pé ou agachada,
únete ao movemento desta ola que todo o abarca,
discriminacións, inxustizas e calquera problemática
que poña en dúbida o valor da vida animal e humana.
Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán