Featured image of post Merquemos A Nosa Roupa Con Sentidiño
Featured image of post Merquemos A Nosa Roupa Con Sentidiño

Merquemos A Nosa Roupa Con Sentidiño

Hoxe en día existen moitas maneiras diferentes de entender o consumo responsable. O minimalismo e o zero waste (cero lixo) son dúas tendencias moi discutidas. En liñas xerais a primeira consiste en reducir as túas posesións ao mínimo número posible e converterte así nunha persoa que non precisa o material para sentirse satisfeito. No caso do zero waste o obxectivo é reducir a cantidade de lixo que producimos. O problema é que en moitos casos estas iniciativas non se poden levar a cabo xa que para algunhas familias supoñería un gasto económico maior do previsto. Non todo o mundo pode pagar oitenta euros por unha peza de roupa. Así pois fica por discutir unha alternativa máis, una que che permita facer realidade os teus principios e non acabar contigo mesma no intento.

Como se pode enfocar o tema se cada tenda e cada marca de roupa fai algo distinto?

A ver… Están as fábricas cheas de menores obrigados a traballar horarios insultantes e en condicións inhumanas. Adultos que tamén viven e traballan ameazados e maltratados para poder cubrir as necesidades dos seus fillos. Está tamén o impacto medioambiental dos materiais empregados na roupa: plásticos que se distribúen polos nosos océanos. Enriba diso está a contaminación producida polo transporte: calcetíns que viron máis mundo que nós mesmos. E logo está a durabilidade: canto tempo me vai a durar a camiseta nova? E se iso non é dabondo, tampouco nos podemos esquecer do emprego de materiais de orixe animal, que tamén supoñen un problema ético para moitos. DEMASIADOS PROBLEMAS E NINGUNHA SOLUCIÓN!

Para poder tratar este tema sen deixarnos levar polas emocións vamos a centrarnos en tres aspectos: o tipo de material, o mantemento da roupa e a manufacturación.

O material.

O primeiro que precisamos entender é que o plástico non se pode reciclar. Polo de agora non existe a posibilidade de comprar un kilo de plástico e reutilizalo infinitamente (cousa que si se pode facer co papel e o vidrio). Só algún tipo de plástico se pode tratar para ser reempregado un número moi limitado de veces, o que se coñece como “upcycle”. Isto significa que a botella de aceite pode ser unha ou dúas veces parcialmente reempregada pero despois ese plástico será enviado ao lixo para simplemente contaminar. Unha vez dito isto é fácil entender por que recomendo evitar os tecidos como lycra, poliuretano, poliéster, nilon ou elastano. Estes materiais non serán facilmente reutilizados e ninguén quere limpar os cristais cunha camisa de purpurina. Ademais cada vez que se meten na lavadora liberan microplásticos dos que despois non sabemos nada ata que abrímola billa.

Excluíndo os derivados do petróleo, a lista redúcese bastante. Tanto que nos quedamos cos materiais máis tradicionais escollendo tecidos como algodón, liño, tea vaqueira, la ou cánabo. Estes tecidos, ademais de ser máis amables co medioambiente teñen a miúdo a posibilidade de ser reparados e reutilizados con facilidade, o que os converte en productos duradeiros. O coiro tamén se trata dun material reparable e con longa vida útil aínda que neste caso entran en xogo opinións persoais sobre o trato e emprego de animais. Por exemplo, uns pantalóns de coiro poden verse como un luxo ao mesmo tempo que unhas botas poden ser o que precisan os teus pés. Aí cada quen que tome a súa decisión.

Agora reflexionemos un momento sobre a nosa relación coa roupa ata o día de hoxe. Quizais compraches nas rebaixas uns pantalóns vaqueiros por vinte euros que logo puxeches durante anos. Ao mellor levas dez anos prometéndolle a túa nai que deixarás de poñer a mesma camiseta que empregabas no instituto, pero dáche pena porque aínda está coma nova. Ou pode ser que agora leves o primeiro xersei que teceu túa avoa. O que estas situacións teñen en común non é só a durabilidade das pezas de roupa senón que todas foron escollidas por unha boa razón.

Tomarse tempo para escoller a roupa que vas a comprar é importante. Acostumámonos a comprar e comprar pensando que sempre o podemos devolver. Compramos porque “son só dous euros e en calquera outro lado custaría dez”. Compramos moito e mal porque desexamos máis, e máis é moi caro. Así que sí, hai que visitar a tenda, preguntar, probar, consultar, indagar… Buscar opcións de segunda man, intercambiar items coa familia e amigos… e cando xa non poidas vivir sen iso que tanto desexas, comprar. Dese xeito non só compramos menos, tamén, compramos mellor.

O mantenemento da roupa

O esforzo non remata unha vez tes comprada a roupa, é importante saber mantela en boas condicións. Comeza por non lavar tan a miúdo, airear a roupa ás veces é suficiente. E cando laves, lava no programa ecolóxico se che é posible, escollendo temperaturas máis baixas para evitar o desgaste da roupa e a liberación de microplásticos. Tampouco precisas empregar tanto deterxente. Diría que optásedes por un deterxente ecolóxico pero non é fácil atopar un verdadeiramente respetuoso co medio ambiente así que a miña solución é empregar menos, a maioría das veces coa metade do recomendado pola marca é dabondo. E por último, pasa menos o ferro. A ninguén lle molesta unha engurra aquí e outra acolá, e a todos nos dá preguiza pasar o ferro.

A manufacturación

Para min o máis difícil é valorar a manufacturación. Se non visítala fábrica é moi complicado saber con seguridade que estás a comprar un produto de comercio xusto. Algunha marcas venden os seus produtos coa denominación de ecolóxicos (organic) ou conscientes (conscious) alegando que a produción da materia prima respecta o noso medio ambiente. Isto é fantástico ao mesmo tempo que enganoso. O feito de que un producto sexa obtido baixo un certo tipo de regulacións non asegura que todos os ámbitos do mesmo estean controlados. É dicir, a manufacturación pode seguir estando nas mans de nenas de seis anos. Por tanto a etiqueta comercial non pode ser a nosa guía. O que me gusta empregar como referencia é o país de fabricación e o respecto dese país polos dereitos humanos. Non é unha regra infalible, pero facilita o traballo cunha alta porcentaxe de acertos. O ideal sería comprar aquilo feito na túa veciñanza, na túa rexión ou no teu país. Cando somos capaces de imaxinarnos as mans de quen o produce, valorámolo moito máis.

Unha nova industria

Para finalizar gustaríame celebrar que a industria téxtil está a cambiar e iso nótase en países coma Portugal onde se promove a produción de algodón dende o 2018. Aínda que as condicións laborais portuguesas non sexan as mellores dende logo que podemos estar de acordo en que son razoablemente mellores que as de países como Bangladesh ou Cambodia. Os consumidores europeos saben isto e por iso cada día aparecen máis e máis empresas que deciden apostar por unha fabricación enteiramente “local”. Digo local porque se trata con frecuencia dunha colaboración entre países. Fai pouco escoitei falar dunha tenda online que está a destacar na industria da moda sostible por non ter logotipo. Coñecida como Minimalism Brand (https://minimalismbrand.com/) esta empresa española mantén un deseño básico sen ningún tipo de debuxos ou logotipos que pasen de moda. A súa fabricación portuguesa danos tranquilidade xa que tanto o material como a manufacturación están controladas por leis europeas e por riba o seu prezo é moi razoable e accesible para un peto normal. O certo é que aínda non probei os seus produtos pero a tenda ten boa pinta. Só espero que a tendencia siga este camiño e que algún día non teñamos que mirar e rebuscar para non lle fallar aos nosos principios.

Oxalá estes consellos vos faciliten o acceso a unha compra sostible de roupa.

E para que vos inspiredes unha canción de David Gilmour quen foi membro de Pink Floyd durante unha temporada: The girl in yellow dress. https://open.spotify.com/track/3HwZWkSgeELMMII0gMxOVi?si=VcG65ZTmQwmh4CTzOTmpwA


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy