Featured image of post É a emigración unha solución ao descontento das enfermeiras galegas?
Featured image of post É a emigración unha solución ao descontento das enfermeiras galegas?

É a emigración unha solución ao descontento das enfermeiras galegas?

O relato de tres emigrantes

Galicia é unha comunidade que sufre moita emigración afectando a unha gran variedade de ámbitos e en especial á enfermería. Para afondar na situación desta profesión contactei coa delegación galega do sindicato de enfermería (SATSE) e de auxiliares (SAE) quen, a pesares da preocupación que teñen por este fenómeno, non posúen datos concretos. Dende a oficina do SAE de Burela, Trini, delegada liberada, coméntame que dende a súa experiencia “non é habitual o caso de auxiliares que emigren ao estranxeiro” pero si que é común a escapada destes profesionais a outras comunidades autónomas “que ofrecen contratos maiores de 9 meses”. A duración dos contratos tamén é algo que preocupa aos seus compañeiros do SATSE quen denuncia a precariedade das vacantes ofertadas e a inestabilidades dos contratos “que non deberían ser inferiores a un ano”.

Sen o apoio de datos concretos, indaguei sobre a experiencia de algúns enfermeiros galegos que no seu momento tomaron a decisión de emigrar. O motivo principal para dar este paso acostuma a ser a “inseguridade laboral”, como Carlos Baneira de 31 anos explica. El viviu case 8 anos no condado de Northamptonshire onde desempeñou a enfermería no hospital de Kettering. Chegou alí despois de considerar outras opcións como estudar un máster ou “traballar como un escravo para unha clínica ou hospital privado que me pagase unha miseria”. Carlos decidiu lanzarse á aventura en busca de “oportunidades que sobrepasasen as súas expectativas” e lle permitisen acadar un “desenvolvemento laboral”.

Laura Goday (33 anos) de A Coruña e L.C (31 anos) de Lugo, estudaron xuntas na UDC e posteriormente, tras pasar por lugares como Kent ou Wolverhampton respectivamente, reencontráronse no hospital de Cardiff en Gales. Antes de emigrar, L.C. foi voluntaria da Cruz Vermella e traballou esporadicamente, mentres que Laura non tivo a oportunidade de entrar ao mundo laboral galego. “En 7-8 meses esperando o PIN (número de colexiada inglés), non me chamaron nin unha sola vez para o Sergas” explica Laura quen confesa que a experiencia de vivir e traballar noutro país xa estaba nos seus planes pois “estudaba inglés de antes”.

Fotografía de un hospital obtida de Pixabay

Imaxinarse a un mesmo no estranxeiro é fácil, facelo xa é outra historia. O choque cultural é inevitable, “unha cousa é a imaxe que dan os ingleses de si mesmos e outra a realidade”, explica Laura. Moitos chegaron a Inglaterra a través dunha axencia por que era o máis fácil, “non che facía falta nivel de inglés, agora é máis difícil”. Estas axencias son contratadas polos hospitais cando a situación é de moita necesidade polo que é habitual que de primeiras vaias a un “pueblo dejado de la mano de Dios, nun hospital horroroso e nunha planta horrible”. Tamén depende de onde aterres xa que “require atopar o teu lugar”. Hoxe en día Laura traballa no campo dos cuidados intensivos e séntese tan cómoda en Gales “que ata me comprei unha casa”.

Por outra banda, Carlos cóntanos que se acostumou rapidamente ao traballo o cal define como “máis protocolario, todo ten que estar firmado e checkeado.” Se ven é certo que moitos dan o paso de emigrar tamén é certo que unha boa parte non o fai con gusto ou incluso descobren que non lles compensa. “Dun grupo de uns 25 españois, aos seis meses, 15 xa retornaran” explica ao preguntarlle sobre a súa adaptación ao país. Carlos escolleu a compañía de ingleses ao ver que o grupo co que emigrara principalmente quedaban “para falar do bo e bonito que era España e do rápido que se querían volver”. Considera que facer un esforzo por integrarse é importante.

O acceso ao sistema de saúde británico é moi diferente ao galego, “non funciona por puntos” relata L.C. quen agora traballa para o Sergas. O sistema de contratación é unha das vantaxe que ten o NHS (Sistema Nacional de Hospitais), o cal acostuma a ofrecer contratos indefinidos tras pasar unha entrevista en persoa “como o fai unha empresa privada”. Ademais, no comezo “recibes formación específica para o posto que vas desempeñar”. Iso axuda a que a profesional non só dispoña de maior confianza nas tarefas que está a desenvolver se non que converte ao Reino Unido, como di Carlos, “nun sitio moi estable económica, psicolóxica e laboralmente”.

Pola contra, L.C. quéixase de que “fas un pouco de todo, de enfermeira, de auxiliar, de fisioterapeuta, de celador… non paras nunca nos turnos.” En Galiza “a división de tarefas é máis clara” polo que se todo vai ben, unha enfermeira pode tomarse uns minutos de descanso para coller aire. Iso, se non está nun novo servizo no que terá que dar mil voltas para poder aprender a especialidade do seu último contrato.

Carlos veo con outros ollos e conta que a súa foi unha “experiencia moi positiva” xa que a “dinámica laboral está ben definida” facendo que ti saibas cales son as túas competencias reais e que “o resto do mundo as respecte” tamén.

Laura fala máis ben de etapas, “chegas moi emocionada e todo está moi ben ata que todo mal”. Á súa chegada notou como enfermería española sae moito máis preparadas da universidade do que o fai a británica. Isto fai que os primeiros meses “non che deixan facer nada” xa que a enfermeira júnior comeza con pouca independencia, “todas as habilidades se aprenden durante o traballo” e non importa que xa as adquiriras durante as prácticas do grado. Para esta enfermeira a espera resultou frustrante mais co paso do tempo agradece que haxa “moito diñeiro para educación” permitíndolle deste xeito evolucionar na súa carreira laboral e como profesional mesmo.

Ademais de atopar diferenzas na educación e no modo de traballo, estes enfermeiros tamén se atoparon cunha distribución ben distinta das quendas. As xornadas de doce horas son a norma en Reino Unido, aqueles días nos que un ten quenda son totalmente para o traballo, e os de descanso só para o ocio. “Non hai término medio”, incide Carlos quen no seu regreso ao Sergas se sorprendeu de que o contratasen “só cinco días para non ter que darlle dous días libres”. Ao mesmo tempo observou como dobrar quenda é “unha ocorrencia bastante habitual” xa que a inestabilidade dos contratos fai que os candidatos consideren que “non dobrar é unha opción riesgosa”.

Tras regresar a Galicia, xa ben iniciada a pandemia, o maior contrato que L.C. obtivo foi de seis meses. Esta inestabilidade significa que unha enfermeira “ten que saber de todo”, di ela referíndose á gran variedade de especialidades polas que xa pasou, “porque hoxe estás aquí e mañá noutro sitio totalmente distinto” xerando un estrés innecesario na traballadora e afectando do mesmo xeito á calidade dos cuidados que esta pode prover.

Existe unha gran cantidade de profesionais da enfermería que levan “traballando tres ou catro anos sin vacacións e con poucos días libres entre medias, enganchando contratos pequenos” cóntanos Carlos que tras traballar durante o Covid-19 nunha UCI galega “que se caía a pedazos” e baixo condicións que o poñían en perigo non só a el mesmo, se non aos seus compañeiros e pacientes, “decidiu non renovar o contrato”.

Fotografía de un enfermeiro obtida de Pixabay

A enfermería no Reino Unido está moi ben vista, nisto coinciden os tres entrevistados. O mero feito de “dicir en redes sociais que pertences ao grupo de urxencias implicaba certo respecto”explica Carlos. “Os británicos queren moito ao seu NHS, úneos a todos”, di L.C. “aínda que non sempre se traduce no que é o trato directo”.

A parte do afecto que se recibe por parte da poboación, a enfermería é unha profesión respectada dentro dos hospitais. Na experiencia de Carlos, tanto con médicos, como auxiliares, como celadores ou outras disciplinas, “tes moita e moi boa relación” facilitando o traballo en equipo que poida que non se vexa tan a miúdo no Sergas. “Os médicos son os meus compañeiros”, puntualiza Laura, “os meus xefes son enfermeiros”.

Semella que é na cantidade de persoal dispoñible onde está a clave.

A miúdo, as diferencias culturais obsérvanse no trato humano. O persoal de enfermería é quen pasa máis tempo en contacto directo cos pacientes xa que boa parte do seu traballo baséase na vixilancia e observación.

En 2018 Locomún pedía prohibir a práctica de atar persoas á cama que aínda se permite a día de hoxe en España. Este é un recurso que o persoal de enfermería galego detesta empregar a pesar de que non se consegue atopar alternativa. No Reino Unido o emprego de restricións físicas é menos habitual, sempre e cando haxa persoal dispoñible, xa que o procedemento habitual para a seguridade do paciente se basea na presencia dun supervisor as 24 horas do día, é dicir, máis persoal dispoñible.

L.C. comenta que “no Reino Unido a cultura é moi respectuosa co paciente pero a costa de someternos a un medo ás denuncias” que afecta ao adecuado desenvolvemento dos coidados. E logo engade, “en Galiza, o paciente ten medo a protestar, deberían protestar máis”. Os sistemas de protección do paciente “de nós”, incide Laura, existen para preservar a seguridade e a privacidade do usuario, “choca ao principio, pero é necesario”.

Segundo un informe do University Hospital Southampton, en condicións normais, os centros ingleses teñen un rango máximo enfermeira-paciente de 1:10, coa maioría establecida entre 1:4 a 1:8. Esta é unha das grandes diferencias cos hospitais galegos. España é un dos países europeos coa maior proporción enfermeira-paciente (12.7 pacientes por enfermeira, cun rango entre 9.5 e 17.9) xa que segundo a OMS só contratamos a 5,3 enfermeiras por cada 1000 habitantes, mentres que Reino Unido dispón de 8.4, só superado dentro da UE polos Países Baixos (10.5) e Suecia (11.9). Esta diferenza non é trivial posto que, segundo un estudo observacional retrospectivo do 2014, por cada 10% de aumento en enfermeiras con maior nivel académico existe unha redución do 7% en mortalidade. Semella que é na cantidade de persoal dispoñible onde está a clave.

En Galicia, esa falta de persoal asúmeno con frecuencia as familias que, “ culturalmente, se involucran máis”, explica Laura. Doutro xeito, no Reino Unido existe unha visión máis holística do cuidado polo que existe un sistema social de apoio ás familias, para que así poidan participar no cuidado do paciente sen que elo supoña un trastorno na súa economía.

Ademais do cambio laboral que un experimenta coa emigración tamén se vive un cambio cultural no que ao ocio e as relacións se refire. Reino Unido trátase dun país “moito menos social”, nos di Carlos, os comercios acostuman a pechar sobre ás cinco ou seis da tarde e así mesmo o fan as cafeterías deixando o típico pub inglés como único lugar de encontro. “Volvíase unha cidade fantasma”, engade.

L.C, tras 6 anos, decidiu regresar e empregar os puntos que lle outorgaba a súa experiencia laboral británica para introducirse nas listas do Sergas. Ela volveu xusto a tempo para facelo xa que actualmente a situación é distinta. Mentres que o Reino Unido estaba na UE a experiencia obtida no NHS puntuaba no Sergas ao ser sanidade pública europea, mais isto finalizou no 2021. “A xente viña a conseguir puntos” relata Laura quen aínda reside alí sumando un total de 9 anos no país estranxeiro. Ela non pensa en volver. “Acostumada a esta maneira, pensar en volver ao de antes prodúceme ansiedade”. Actualmente continua vivindo en Cardiff onde xa ten o seu grupo de amigos cos que lle gusta facer sendeirismo xa que o paisaxe de “Gales é como a Galicia de Reino Unido”.

As imposicións de illamento durante a pandemia co seu consecuente distanciamento familiar e cultural foi o que finalmente trouxo de volta a Carlos. Segundo o Nursing Times, no 2016 había 7825 enfermeiras españolas traballando no sistema de saúde británico. No último estudo estadístico do NHS Digital declarouse a presencia de tan só 1588 españolas exercendo a enfermería nos seus hospitais, é dicir, existe unha tendencia ao descenso. “Laboralmente o Brexit non cambiou moito, pero si foi unha gran razón para que eu volvera”, confesa Carlos. O covid na UCI foi “unha das experiencias máis intensas da miña vida” pero foi máis ben “o non poder ir á casa a ver a familiares e amigos” o que lle fixo dar o paso. Aínda que no seu regreso si pasou polos hospitais galegos, actualmente, Carlos xa non exerce a enfermería, a precariedade e inestabilidade da profesión empurrouno a empregar os seus coñecementos no sector da cirurxía robótica como educador e promotor desta tecnoloxía.


Se che interesa a SAÚDE e o estado da SANIDADE PÚBLICA anímote a ler RESAIBO AMARGO, a primeira novela de Lucía Ferro na que, dende a súa propia experiencia como enfermeira, afonda no tema da mafia farmacéutica e a súa influencia sobre os coidados e a saúde mental.


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy