Featured image of post Se o galego non pode competir co castelán, entón que opción nos queda?
Featured image of post Se o galego non pode competir co castelán, entón que opción nos queda?

Se o galego non pode competir co castelán, entón que opción nos queda?

Antes de entrar en materia quero deixar claro que eu non son filóloga ou historiadora. O único que pode apoiar a miña opinión é a miña experiencia na aprendizaxe de linguas e a miña gran curiosidade polo futuro do galego. Para min o galego é a lingua coa que máis cómoda me sinto e por iso me gustaría que pervivise. Deixando claro que as miñas reflexións sobre o tema se basan nun coñecemento nivel usuario comezarei coa miña teoría.

Cada vez que Galicia recorda que ten unha lingua en perigo de extinción escóitase a moitos galegos dicir ao unísono: Eu falo galego. É moi fermoso ver como unha boa parte da sociedade se une coa intención de continuar cultivando a nosa cultura a través da nosa lingua. Mais por desgraza non é suficiente. De feito é como se un crego quixese ter máis feligreses e no canto de ir predicar á praza do pobo soamente predicase dentro do templo.

Durante case catro anos vivín en Inglaterra. Alí saber galego ou castelán é practicamente inútil. A comunidade británica só permite que outras linguas se empreguen no ámbito persoal, entre amigos ou familiares. Iso fai que calquera persoa que chegue ao país se vexa rapidamente obrigada a falar inglés. Disto poderiamos sacar a seguinte conclusión: Se en Galicia conseguísemos confinar o castelán exclusivamente ao ámbito persoal a situación do galego melloraría.

Oxalá pero non. Esas estratexias só son posibles para linguas tan estendidas coma o inglés. Por riba o galego está a loitar contra unha delas, o castelán. O que ocorre en Galicia é que en canto precisas algunha información específica, por poñer un exemplo do ámbito científico, unha vese moi limitada á hora de atopala en galego. Pode ser que incluso o intentes unhas cantas veces. Con todo acabará chegando o momento no que desistirás e acudirás inevitablemente ao castelán, e ao inglés cando este tamén se quede escaso. Ao fin e ao cabo a persoa bilingüe non é máis que unha persoa afortunada.

Bilingüe é a gran parte da poboación holandesa. Case todo o mundo fala inglés e todos falan a súa propia lingua que non sempre é o neerlandés (holandés). Aqueles que falan o neerlandés fano ou ben porque é a súa lingua materna ou ben porque desexan integrarse mellor no país. Pero que ocorre con aqueles que non falan o neerlandés? Os refuxiados de Siria ou Iraq, os que emigraron para traballar ou os que están alí para estudar? Coma a maioría dos holandeses falan o inglés fluidamente en canto ven que con elo poden facilitar a comunicación cos estranxeiros, non dubidan en cambiar de lingua. Incluso o goberno crea espazos para inmigrantes nos que a lingua oficial é o inglés. E por suposto tamén o fan esas empresas que contratan a eses mesmos estranxeiros. Como resultado tes a un bo pedazo da poboación que vive no país durante anos e anos sen nunca aprender a lingua oficial holandesa. Ben é certo que se desexas obter a cidadanía deberás pasar un exame en neerlandés, mais o nivel é tan baixo que a miúdo non é suficiente para motivar ao individuo a continuar coa aprendizaxe e por tanto aparecen novos cidadáns holandeses que non coñecen ese pedazo da súa nova cultura. Salvando as distancias, máis ou menos o que ocorreu en Galicia coa diferenza de que nos Países Baixos no canto de case tres millóns de persoas viven máis de dezasete.

Non existe suficiente información en galego como para facerlle fronte a outras linguas máis estendidas. Un bilingüismo amable e altruísta non parece ser a solución tampouco. Entón que nos queda? Fala-lo galego mentres teñamos con quen e asumir a súa desaparición? En certo sentido si. O galego vai a desaparecer, e con el outras moitas linguas. E non pasa nada. A eternidade é só para Xesucristo. Aquí na Terra as cousas que nacen non lles queda outro remedio que morrer. Así e todo hai unha maneira de enlentecelo para que ti e eu poidamos desfrutalo un pouquiño máis de tempo. Se cadra ata os nosos netos.

A Real Academia Galega e outras institucións traballan arreo para normalizar e regular a nosa lingua, e así evitar unha extinción prematura da mesma. Aínda que recoñezo a súa labor considero que estas institucións enfocan o futuro da lingua de maneira incorrecta. Estudar o teu pasado é importante pero tan importante é tamén ofrecer liberdade para evolucionar cara o futuro. Moitas das decisión tomadas por estes organimos baséanse na memoria do galego-portugués, é dicir, interpretan o nacemento da lingua galega como orixe e tamén como destiño. Eu non creo que debamos reducir a nosa lingua a aqueles aspectos máis extravagantes e e únicos da nosa historia. Unha lingua é un simple accidente que se presenta na forma dunha ferramenta para a comunicación resultado dunha necesidade de entendemento. Non se acostuma a ver os accidentes como unha boa cousa, non ata que pasado un tempo, con certa perspectiva, se ven como un suceso máis da vida, ou neste caso da historia. Os primeiros escritos en galego-portugués datan do século XIII (corríxanme se me engano) etapa durante a cal Galicia era aínda un reino independiente. No século XV, só douscentos anos despois, tras a revolta irmandiña, o territorio galego caeu baixo a dominación castelá. Dende aquela a nosa lingua está influenciada por esa relación co reino español. Gústenos ou non é unha parte da nosa identidade que non podemos borrar. Mais, ao igual que ocorreu co latín, que evolucionou nunha morea de linguas, todas fermosas á súa maneira; tamén o galego o pode facer. Esquezamos a xenreira e o resentimento que arrastramos dende fai cincocentos anos e tratemos de imaxinar como sacarlle partido ao feito de que o galego , nin debe nin ten por que, pero poder evolucionar independentemente do castelán e tamén independentemente do portugués. Aproveitemos ese novo aporte linguístico por parte do castelán, e do inglés e do francés e de calquera lingua que se fale en Galicia. Porque, ao fin e ao cabo, que sería do galego sen o celta, o árabe, o xermánico, o latín… Unha lingua só se esculpe cando a sociedade que a fala se atreve a ser creativa. Doutro xeito, o que debería ser unha ferramenta para a comunicación convértese nunha serie de normas constrinxentes que nos reteñen no pasado.

Os conservadores decepciónanse cando o mundo cambia pero os progresistas celebran que o mundo avanzou.

A miña proposta é sinxela. Trátase de fomentar a curiosidade na mente daqueles que nen sequera sabían que o galego existía. Trátase de que cando falemos en castelán, en inglés ou en esperanto aproveitemos a ocasión para mencionar a fermosura da nosa lingua. Podemos compartir esas poucas palabras que non teñen tradución e que tanto sentimento nos evocan. Podemos contarlles porque o galego non é un dialecto nin do castelán nin do portugués. Podemos deixarlles gozar da nosa querida terminación -iño/-iña para que eles tamén poidan entender canto amor hai agochado no galego. Porque se o futuro do galego é ser conquistado por outras linguas fagamos que outras linguas se contaminen coa nosa esencia. Non me gusta a idea de que o galego desapareza mais consólame pensar que cando unha nai morre un pedazo dela vive na súa filla. Vicente Risco falounos da teoría do nacionalismo galego. Antón Risco, o seu fillo, mesturou nas súas obras a nosa lingua con outras moitas, feito que reflexa a vida diaria de moitos galegos, pois somos emigrantes por natureza. A min non me parece unha coincidencia.

Para que non pensedes que isto é unha simple teoría vouvos a contar como eu a puxen en práctica. Ao longo dos últimos anos tratei con persoas dunha gran variedade cultural. Algunhas delas proceden de países nos que a súa lingua non é latina. Neses casos é moito máis práctico falarlles sobre a cultura galega máis popular coma o polbo, o magosto ou incluso a historia de como o reino suevo de Galicia puido ser o primeiro de Europa. Pero no caso daqueles que teñen unha lingua materna latina a cousa cambia. Esas persoas poden entender bastante do mesmo xeito que nós sabemos portugués ou italiano “turístico” por familiaridade coa nosa lingua. Iso significa que se insistes e xogas ben as túas cartas podes inspirarlles a curiosidade necesaria para que se animen a ler en galego. Iso foi o que intentei e podo dicirvos que xa o conseguín un par de novos lectores. E no caso de que vos coincida un caso difícil só precisades recurrir á nosa marabillosa colección de adxectivos, atributos e insultos. Ninguén se pode resistir a berrar un bo “ao carallo!”.

Sementemos o galego no sustrato lingüístico doutras culturas!

Sigo coa idea de recomendar cancións. Esta chámase En galego NON mola e pertence ao curiosos grupo Son Da Rúa.

https://open.spotify.com/track/742r6eYV0wcxT0Y3JTXWLJ?si=X0G84PPnQUeTodtXGFG7Rw


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy