Featured image of post Como Protexer a Nosa Pel: Aceites Hidratantes
Featured image of post Como Protexer a Nosa Pel: Aceites Hidratantes

Como Protexer a Nosa Pel: Aceites Hidratantes

As cremas hidratantes son unha parte moi importante do coidado persoal diario. A pel é a primeira barreira de protección do noso corpo e por elo debemos empregar tempo para mantela en boas condicións. As cremas están baseadas en auga e graxas ou aceites que logo se emulsionarán para ter unha textura homoxénea. O problema das cremas é que o porcentaxe de auga que levan as fan susceptibles a caducar e a ser caldo de cultivo para microorganismos. Por riba hoxe en día as cremas comerciais están cheas de produtos nocivos. Neste artigo pretendo dar un cantos consellos para que poidades empregar aceites e graxas como método de hidratación e de forma segura.

Pero antes de comezar quero deixar claro que cada persoa ten unha necesidades particulares e que estes consellos non substitúen a consulta con profesionais da saúde.

Aceite de oliva

As peles exclusivamente secas funcionan moi ben co aceite de oliva xa que a súa absorción é rápida e profunda. O aceite pode ser aplicado directamente na pel seca pero é recomendable facelo despois da ducha; momento no cal a pel xa absorbeu auga e, por tanto, unha capa aceitosa axudará a mantela dentro da célula.

Aceite de coco

Este aceite tamén é recomendado para peles secas xa que nunha pel mixta ou graxa aumentará a cantidade de grans e acne que se producen. O aceite de coco pode empregarse tamén como acondicionador para o pelo ou lubricante sexual. No caso de aquelas persoas que traballan coas mans esta é unha boa opción como crema protectora.

Manteiga de karité

Como opción reparadora temos a manteiga de karité. Permite que a pel se repare e favorece a hidratación a longo prazo. Non é moi eficiente á hora da hidratación rápida pero é moi boa opción como ingrediente adicional.

Aceite de jojoba

Este é o aceite perfecto para aquelas persoas que sufran de pel graxa ou mixta, especialmente como aceite facial. O aceite de jojoba hidrata rapidamente reducindo o acumulo de graxa na pel, e así reducindo as espiñas indesexadas (espinillas). Para mellor resultado é recomendado empregalo despois de lavar a cara por exemplo con xabón de xofre ou un exfoliante natural. A rutina sería así:

  1. Enxaboamos a cara con auga morna e un dos xabróns antes mencionados.
  2. Aclaramos a cara primeiro con auga morna e logo con auga ben fría. Este proceso axuda a cerrar os poros da pel evitando que un exceso de graxa ou sucidade entre nos poros e se formen grans. Dende o meu punto de vista este é un dos pasos clave para un bo manexo do coidado facial. Non secamos a cara aínda.
  3. Coa cara goteando, aplicamos o aceite sobre a pel cunha masaxe. Logo secamos cunha toalla o que retirará o exceso de aceite e permitirá que a pel absorba só o necesario.

Aceite de améndoas

Este aceite é ideal en combinación co de jojoba. O seu poder de hidratación é maior pero así tamén o residuo graxo que deixa. De todas formas non hai aceite que che deixe a pel tan suave como o aceite de améndoas. Este aceite funciona moi ben como hidratación corporal despois da ducha. Ademais estes dous aceites son unha boa alternativas aos serum para un pelo encrespado. Unhas gotiñas darán forma e brillo a un pelo seco.

Aceite de Rosa Mosqueta

Este é o meu último descubrimento a efectos prácticos. Fai moitos anos que escoitara por primeira vez das súas grandes cualidades pero debido ao seu alto prezo nunca me animara a probalo. Mais bendito sexa o día que o fixen. Antes falábavos de que o aceite de jojoba non deixaba a pel tan graxa coma os demais. Pois ben, a Rosa Mosqueta pode ser aplicada directamente na pel sen preocupación de que aparezan grans ou espiñas a consecuencia del. É moi bo hidratante e a maiores estimula a rexeneración da pel sendo ideal no caso de cicatrices, manchas ou incluso no caso das úlceras por presión (aquelas feridas na pel producidas pola fricción ou por un prolongado tempo de inmobilidade).

Agora, tendo en conta esta información vos mesmos podedes combinar estes aceites para así crear a vosa propia mestura adaptada ao tipo de pel que teñades. Tamén podedes engadir outros ingredientes como aceites esenciais que aporten bo cheiro ou mesmo como o aceite da árbore do té que en pequenas cantidades e ben diluído actúa contra os microorganismos causantes de grans e outras afeccións.

Se tendes curiosidade ou vos gustaría ter unha primeira receita para comezar sempre podo facer outro artigo no que vos mostre que é exactamente o que estou a empregar. Podedes deixar unha mensaxe no post de Instagram correspondente a esta publicación ou dirixirvos a min cunha mensaxe directa.

E dende logo que non vos ía a deixar sen unha canción que animase o voso coidado persoal. La Cara B de SFDK, con moita marcha porque unha parte do coidado persoal é o coidado mental e hai quen di que o baile é a menciña da alma. https://open.spotify.com/track/2lXPDGSJBfF3tvelCmPfUN?si=-Z24xxoCQy-Rv02MWbovzw


Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy