Colle unha crema hidratante e le os ingredientes. A que compras no supermercado ou a da tenda de cosméticos máis cara do barrio, non importa, ti le os ingredientes. Con total seguridade atoparás nesa lista algún nome que remate en -ol ou -yl, eses son alcoholes ou derivados. A miúdo pódese ler petrolatum, parabens ou siglas ás que non lle poñemos sentido como BHA, BHT, PEG… E por suposto as palabras máis inofensivas da lista: parfum e fragance. Non vou entrar a discutir como de dañinas son estas sustancias, o certo é que a unhas persoas aféctanlle máis que outras. No meu caso tiven a mala sorte de herdar unha pel moi sensible a alerxias e a dermatitis. Esa é a miña xustificación para interesarme polo coidado da pel sen químicos irritantes.
O primeiro que debemos ter en conta é que a hidratación comeza polo interior.
Non importa o boa que sexa a crema hidratante que te aplicas relixiosamente cada día se non bebes suficiente auga. A nosa pel é a primeira barreira de defensa. A parte de protexernos tamén se ocupa de manter a auga dentro do noso corpo. Se non temos suficiente auga no noso interior, daquela a nosa pel estará seca e creará como consecuencia unha película máis ou menos grosa que evitará a perda de líquidos. Ese é o momento no que a nosa pel non pinta ben. Así o primeiro consello é beber, beber moito. Como a min tamén me resulta difícil iso de beber auga eu recomendaríavos que probásedes diferentes recetas de auga infusionada ou té frío (moito coidado con pasarse co azucre).
Infusión fría de té verde con limón e menta
Esta é unha bebida moi refrescante na cal se compensa a falta de azucre coa menta e o limón. A mellor elección para aqueles padais que acostuman a acudir a bebidas alcólicas por non desfrutar dos refrescos doces. Se desfrutas das bebidas amargas podes empregar menta seca que proporcionará maior amargor á mestura. Infusionar o té verde en quente tamén lle engade amargor.
Té verde infusionado en frío (tres culleradas de té en 500ml 8-10 horas na neveira)
Unha cullerada de mel, azucre ou sirope de agave
Menta fresca ou rehidratada en auga quente
Zume de limón ao gusto
Xeo e auga ata acadar o litro e medio
Infusión fría de roibos con frutas
Se es dos que se lamentan por beber a súa dosis de azucre diario nun só refresco pero tampouco aturan a auga insípida, esta é a túa receita.
Té roibos (este tipo de té non ten cafeína/teína) infusionado tanto en frío como en quente
Unha cullerada de mel, azucre ou sirope de agave
Unha folla de menta fresca
Zume de medio limón
Fresas ou froitos do bosque
Xeo e auga ata acadar o litro e medio
Existen moitísimas receitas que se poden facer e a un precio moi aceptable xa que se pode infusionar en frío calquera tipo de froita ou verdura. Empregade por exemplo a pela dunha mazá, dun melocotón ou dun pepino. Aproveitades todo o alimento e ademáis podedes ir variando segundo o que vos sobre.
Protexer a pel para que ela nos protexa.
A pel é a primeira barreira biolóxica de defensa do noso corpo. Trátase dunha capa de células con alto contido proteico (queratina) e protexidas por unha grasa natural que todo o mundo segrega. Esta grasa ten como función manter a auga dentro das células. Periódicamente estas células deben ser sustituídas. É entón cando minúsculas láminas de pel morta se desprenden para das lugar unha nova capa de células. No caso de que haxa unha mala hidratación as láminas serán de maior tamaño e máis frecuentes dando lugar a unha pel escamativa, de tacto áspero e a un proído de intensidade variable. A maioría das persoas sofren de pel seca e algunhas tamén teñen dificultades co manexo da grasa. Isto pode deberse a unha afección da pel como é o caso da acné ou a un excesivo emprego de productos liposolubles. Que quere dicir isto? O caso máis sinxelo é o xabrón. O xabrón elimina a suciedade pero tamén a nosa grasa natural o que deixa a nosa pel exposta e por tanto facilita a pérdida de auga. Se nos bañamos a cotío, cousa bastante común hoxe en día, acabamos fácilmente con esta capa de protección. Pero a nosa pel non é parva, a nosa pel sabe que precisa desa capa grasa para sobrevivir, así que xenerará un exceso de grasa para compensar o feito de que nós a estamos a retirar cada día. É así como moitas persoas teñen pel grasa innecesariamente.
Así pois un bo hábito a seguir é o de reducir o emprego de xabróns ao estrictamente necesario. Sei que non é fácil, eu mesma era aficionada a iso de lavar o pelo todos os días. Collín a costume ao facer deporte a miúdo. Agora lávoo case todos os días, aproveitando a non facelo aqueles que me atrae o sofá. Non é unha gran mellora pero polo camiño correcto vou.
E que xabrón empregamos?
Escoller o xabón correcto é máis complicado do que parece. Debido á miña dermatitis hereditaria era moi nova cando comecei a descartar productos para a pel. O primeiro paso son os productos perfumados. Un xampú branco coma a neve que arrecende a fresa… É bastante probable que o aroma veña dado por una fantástica combinación de químicos. Aínda que non é o caso de todos os productos con bo cheiro, si é unha boa maneira de sospeitar deles. O segundo paso é evitar xabróns líquidos. Para que un xel sexa líquido e se manteña en bo estado durante anos e anos, este precisa unha boa dose de alcohois ou similar. Como todos sabemos grazas ao Covid-19, o alcohol, por moito aloevera que teña, seca a pel. E o terceiro paso é recurrir a xabóns sólidos feitos o máis tradicionalmente posible. Os xabón de glicerina están ben, pero son a miúdo mesturados con grandes cantidades de perfumes. O meu consello sería que comprásedes o xabón na feira ou no mercado artesanal, que por fortuna aínda quedan algúns en Galicia.
Co tema do xampú aínda estou en modo investigadora xa que o formato sólido aínda é unha novidade. De momento poucos provei que non me desen reacción, na pel ou no peto ($$$$). Para aquelas persoas que empreguen productos esfoliantes e demais eu aconsellaría primeiro a moderación e despois algún xabón como o de xofre (azufre) ou carbón activado. Os esfoliantes coma o café e o azucre non se deberían empregar máis que unha vez semanal. E o bicarbonato ou o vinagre non traballan moi ben co pH da pel, polo menos non hai evidencias de que o seu uso sexa seguro. Poderíanse empregar esporádicamente pero con moito coidado.
Crema hidratante: facial, corporal, para as engurras, para aplicar de día ou de noite…
Non digo que os milagres non ocorran. Non, só digo que non veñen tan ben empaquetados. A miúdo relacionamos a hidratación da pel só con este último paso e é por iso que decidín escribir este artigo, para recordarvos que non serve de nada gastar moreas de cartos en cremas se non facedes os pasos previamente dicutidos. A pel comeza a secarse cando o noso corpo non ten suficiente auga no seu interior, poñer unha capa de crema por riba non amaña nada. Mais se xa bebedes o recomendado e evitades productos que aumenten a deshidratación, non vos desesperedes porque no próximo post contareivos como hidratar a vosa pel fácil e económicamente empregando productos tan sinxelos como son os aceites. E para aqueles que desboten a idea do aceite como solución “porque xa teñen a pel abondo grasa”, non perdades a esperanza, a pel grasa témola todos, o que hai é que descubrir e recoñecer os coidados que mellor se lle axeitan a un.
“A auga é a forma motriz de toda a natureza.” Leonardo Da Vinci
Mentres esperades polo próximo post podedes escoitar Great Balls of Fire unha canción orixinal de Jerry Lee Lewis e, neste caso, fermosamente interpretada por Fleetwood Mac no seu album Shrine ‘69 https://open.spotify.com/track/326VLEngotHbWfx3imNKQ3?si=Dyx89hR8SE2WS8JuKWVvWw
Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán