Photo by TopSphere Media on Unsplash
Tan pronto como o feminismo se pon de moda saen libros nos que se fala de violencia doméstica explotando o tema para obter o morbo necesario que demanda o mercado. Do mesmo xeito, ao aparecer o racismo na televisión saen libros con personaxes negros. Lamento dicir, pois malgastei horas de lectura, que eses personaxes son unha Mary Sue máis e que lonxe de achegarnos a un pensamento antirracista, reforza estereotipos.
Unha Mary Sue é aquela personaxe plana e perfecta á que todo lle sae ben. Adoitaba a ser unha rapariga de beleza indescritible co pelo roxo e cunha intelixencia desbordante. Agora, co avance dos tempos, resulta que o máis “trending” é darlle algo de color á paleta de personaxes e escoller no seu lugar un cativo negro.
No último ano atopeime con dous libros escritos e editados en Galicia que caían neste erro tan daniño para a representación de calquera persoa pertencente a un grupo discriminado. Non vou desvelar o título das obras por non darlle a publicidade que outros libros si se merecen, mais podo dicirvos que tanto un como o outro recibiron o mesmo premio pola igualdade. Agora veredes porque cando descubrín este dato me botei a rir (por non chorar). E si, as túas sospeitas son correctas: A Galiza “progre” tamén é racista.
Nun deles sae como co-protagonista un neno negro dicíndolle a unha rapaza que ela non pode ser racista porque sabía que se deitara con homes de pel escura. Dime ti, si tal afirmación non soa moi parecida á famosa “eu non son homófobo porque teño un amigo gay”. Que a frase saia da boca dun personaxe negro non fai a súa autoría menos racista.
No outro libro a Mary Sue que escolleron tamén é un neno negro, pero neste caso o despropósito sae da boca do narrador branco. Este asegura encantarlle a pel escura porque non só é máis bonita senón que tamén é mellor para ir á praia pois non precisan botar crema. Segundo a autoría desta obra parece ser que unha persoa negra é inmune aos raios ultravioletas. Non importa que a comunidade científica leve tempo esforzándose para desmentir tal tópico e que abonde cunha simple busca en internet para informarse deste feito; claro está, se primeiro te fas preguntas e asumes a túa propia ignorancia nun tema tan delicado.
Diría que estes personaxes foron construídos con tintas racistas pero o certo é que non foron construídos para nada. A súa pouca profundidade é case unha falta de respecto, pois son personaxes que se moldean ás esixencias do escritor e as necesidades das personaxes caucásicas. É como se lles parecese que ser negros xa é abondo como para darlle unha personalidade propia. Son personaxes planos de pel escura escritos para aliviar a conciencia dos seus autores brancos.
Cando un le a un autor negro pode desfrutar de personalidades complexas, coas súas arestas máis ou menos boas e coas súas inconsistencias, típicas do ser humano, independentemente da cor da súa pel. Estes dous exemplos de Mary Sue transformada en nenos negros non ofrecen representación algunha aos cativos de pel escura que han de ler estas obras. Polo contrario, recibirán a mensaxe de que se desexan estar no mundo dos brancos teñen que ser perfectos e planos.
Se non fose porque estas dúas novelas foron premiadas pola igualdade en particular, non me indignaría tanto ver estes erros. Atribuiríallos á ignorancia que calquera de nós ten nalgún tema, pois eu non estou exenta de cometelos tampouco. Máis foron premiados precisamente por este motivo!
Que fácil é escribir sobre igualdade cando a barra está tan baixa. Con botarlle unhas pingas de cor ao tinteiro xa chega. Seguramente non sería suficiente se o xurado dese premio estivese composto por persoas racializadas ou pertencentes ao colectivo LGBT quen tivesen a oportunidade de xulgar directamente as obras como os afectados pola desigualdade que son. Pero cando os xurados están maioritariamente formados pola heterosexualidade de homes e mulleres brancas de posición acomodada non é fácil apreciar os detalles do que é a experiencia daqueles que sofren.
Antes de finalizar, dicir que eu tamén son branca e que por tanto non son a máis indicada para falar disto, pero como non fun capaz de atopar en internet a ninguén máis que se queixase sobre esta distorsión do que é a igualdade. Decidinme, polo tanto, a abrir o melón e a sacar o tema a relucir coa esperanza de que xente máis entendida se anime a facer unha crítica máis axeitada.
E por último, deixarvos cunha pregunta. Se é que en Galicia temos o premio pola igualdade como é que non temos a escritores de pel escura? Onde é que os agochamos? Porque eu estou segura de que, como nós as meigas, habelos hainos.
Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán