Featured image of post O xugo da responsabilidade (Lorena M.C.)
Featured image of post O xugo da responsabilidade (Lorena M.C.)

O xugo da responsabilidade (Lorena M.C.)

Un relato escrito por Lorena M.C. durante o Obradoiro de Escritura Creativa organizado en Barreiros o día 17 de maio do 2024

Ela está a carrexar a vida doutras persoas por un camiño pedregoso e complicado para os seus pés e as súas curtas patas. É demasiada responsabilidade para as súas costas ver que dependen da súa forza para continuala súa vida.

Chegar a esta situación non foi complicado, ser sumisa e non saírse do redil fixo que se aproveitaran dela para sacárenlle o máximo partido. Moitas esixencias e pouca compaixón por parte do resto, aceptalo todo foi o único que puxo da súa parte. O que ocorre cando para uns cantos os defectos se converten en habilidades e viceversa.

Está esgotada, as pernas doen ao camiñar, as costas senten o peso da responsabilidade, notan o esgotamento, voces do exterior que berran “non pares, aínda non está! Non remataches por agora, non deixes isto que estás a facer! Necesitámoste forte para que nos axudes!”

As chantaxes dan forza ás pernas pero esgotan a cabeza. Ela non pode seguir a este ritmo, tampouco pode parar. Que dirán? Séntese responsable e, se para, culpable. Non é tempo para pensar, é tempo para camiñar

Co paso do tempo as esixencias fóronse incrementando, chegou ao tope e, á vez, tocou fondo. É momento para facerse valer, momento de saber dicir NON; é sinxelo, tres letras que implican tanto.

Dala volta no camiño, pousar todo o peso que leva ás súas costas. Peso que fai que, cada vez, as súas patas sexan máis curtas. Un NON que lle vai dala vida, que xa non era dela. Un NON que soa e resoa a liberdade.


Descarga aquí o pdf da historia

Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy