Featured image of post A Orca Contra o Mar (Tamara R.V.)
Featured image of post A Orca Contra o Mar (Tamara R.V.)

A Orca Contra o Mar (Tamara R.V.)

Un relato escrito por Tamara R.V. durante o Obradoiro de Escritura Creativa organizado en Barreiros o día 17 de maio do 2024

Dixo Lucía que elixiramos un animal de entre as cartas que nos tocasen e antes de velas xa comecei a imaxinarme cal sería. Tamén dixo que quedaramos con aquel que nos chamase máis a atención. E claro, eu pensaba neso dende o positivo. Pero vinlle os dentes á orca e vinme a min. Vinme neses días que todo o que me rodea me pode e nada me vale.

Pero tamén me vexo aquí escribindo e agardando que cambie. Así o quero. E sei que pasará, como sempre o puiden pasar. A orca pode con todo. Menos co mar.

Ela está cabreada porque non pode co que ten frente a si. Porque non pode controlar todo o que a rodea e que a pode inestabilizar. E é que, ten acaso algo de estable o mar?

E con todo: será tan potente ese cabreo como para dar vencido o mar?

Igual que pode con ela non ver o horizonte, o da terra, por máis que mire máis alá. Todo amosa grande, longo, sen fin, sen cambio, plano. Igual.

Igual a pode o medo a afogar. E que curioso, non? Onde outras verían estabilidade, estar amoldada, seguridade, ela só mira o fonda que se lle pode facer unha travesía na que ela nada pode cambiar.

Onde quedan a ambición, o crecemento persoal, os soños, os retos, nun futuro que se presenta tan igual?

Pode que non sexa enfado o que lle pasa á orca. Pode, ou pode que si. Pero: e se é frustración? Se é que a acumulación das emocións desembocan en rabia e non en rebeldía? Quizáis esta última sexa mellor compañía para enfrontarse á ondas que están por vir. Ninguén nada lonxe pelexando consigo mesmo.

Igual convén botar a vista atrás sobre o xa navegado e darse conta de que foi precisa a base da ola para verse na cresta.

Igual, efectivamente, non é a orca tan potente como para parar o mar, de seguro que non. E asumir iso levaráa a mellor porto, pois, se resulta que nunha desas crestas que están por vir acaba vendo, por fin, o horizonte da terra?


Descarga aquí o pdf da historia

Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy