Cando retornei a Galicia foron moitos os que cuestionaron a miña decisión de vivir no rural. O principal argumento foi a falta de servizos, pois é ben sabido que o acceso a calquera comodidade está máis facilitado no ámbito urbano. Para esas mesmas persoas foi sorpresa descubrir que pasados uns meses da miña mudanza todas as semanas dou con algunha actividade que me entretén ou cultiva a mente. Mais a pregunta xurde: como fago para enterarme?
Pois a moi duras penas, se che son sincera. Comprobo todos os taboleiros cos que me cruzo, estou en grupos de mensaxería nos que se comparten as novas deste tipo, pregunto e coméntoo con outras persoas con intereses similares… Poucas son as veces que as redes sociais convencionais me solucionan o problema, pois alí adoito a ver o que se organiza no coliseo de A Coruña ou nalgunha sala coñecida de Madrid. E por suposto, en moitas ocasións chégame a información unha vez pasada a romaría.
Coido que foi discutindo esta falta de conexión entre os cidadáns de A Mariña e os organizadores de eventos da contorna como lle xurdiu a idea de amarinha.gal aos seus creadores. Trátase dun espazo público deseñado sen algoritmos ou anuncios para así rexenerar a vida sociocultural desta comarca luguesa.
A idea é facilitar un entorno no que se poña o foco na xente mariñá e nos seus proxectos. Aquí residen moitos artistas e artesáns que mesmo non se coñecen entre eles. Ademais hai unha gran variedade de establecementos, especializados ou non, que a diferencia das grandes marcas, teñen persoas dedicadas ao comercio xusto ao seu fronte. E como non, están tamén eses axentes dinamizadores culturais, sexan os concellos ou as asociacións de veciños, que se esforzan por levar o coñecemento, a música e o arte a todos os recunchos do rural. Por elo, podo dicir con confianza que non é que non haxa servizos, se non que non hai unha rede de comunicación establecida para que a poboación desta comarca desfrute deles.
amarinha.gal, en tanto que se trata dun proxecto sen beneficios económicos para os seus creadores, ofrece un inmenso proveito social para a contorna. Os negocios locais poden alí sacar rédito ao promocionarse gratuitamente nunha canle na que non precisan competir contra as inmensurables forzas das grandes empresas. Ao promover os seus eventos, produtos e servizos nesta plataforma poden chegarlle con maior probabilidade á poboación a quen realmente van dirixidos.
No caso dos concellos e asociacións, estes conseguen unha vía de comunicación humanizada na que os datos persoais de socios e veciños son de certo privados e onde o discurso social e a política non son manipulados por intereses económicos.
En resumo, amarinha.gal ofrécelle ao mariñán iso ao que lle chaman soberanía dixital, é dicir, o poder sobre o súa información dixital (datos persoais, fotografías, creacións…) fomentando deste xeito un futuro máis digno e igualitario para todos, repartindo o poder que un pode exercer no ámbito virtual, e por ende físico, entre todos os membros desta nosa comunidade que é A Mariña Lucense.
Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán