A enfermería é un traballo fermoso. Coidar é tan satisfactorio. Cando lle axudas a outra persoa recibes o seu agradecemento como recompensa. A enfermería é dura pero gratificante… Repíteste esas palabras canto faga falta porque estudaches unha titulación que ocupou catro anos da túa vida e agora xa non hai forma de recuperalos. Ademais tes que admitir que o traballo che deu independencia e a oportunidade de vivir en outros países. Non só iso, se non que sabes con certeza que estás a facer algo moi valioso para o mundo. Non fai falta máis que ver a situación na que nos atopamos para comprender o valorable que é a túa profesión. A enfermería protexeunos estes últimos meses sen pedir nada a cambio máis que unhas condicións dignas de traballo. A enfermería, a profesión que che limpa a conciencia… Se de verdade queres ser unha boa persoa, non pode ser que non desfrutes deste oficio. Sinteste aburrida e buscas unha nova unidade con ilusión. Estudas aquelas cousas que precisas saber, esfórzaste en seguir todos os protocolos e tes boa experiencia polo que pasar unha entrevista resúltache máis fácil do que esperabas. Aquí ben o teu momento, Lucía! Non era necesario sufrir por un simple traballo, sempre puideches cambiar de unidade. Consegues un incrible posto nunha das mellores unidades de transplantes de Europa e coa posibilidade de formarte en coidados intensivos. Magnífico. Os teus obxectivos cúmplense sen ter que agardar por eles. E aínda así non pasan máis que uns días ata que lle atopas miles de defectos ao teu novo traballo. Non estás a gusto. Non sabes onde está o problema. Os compañeiros, en xeral, son bos. O traballo non pode ser máis interesante. Os horarios, flexibles. As vacacións, sempre a tempo. Ideal. E aínda así, preciso fuxir. Cambio de aires. Cambio de país, de lingua, de cultura. Cambio todo o que faga falta porque quero sentirme mellor.
Non importa cantos factores ambientais cambies se por dentro segues igual.
No meu último traballo coidaba de persoas maiores con demencia. A miúdo faise referencia ao difícil que resulta tratar diariamente con este tipo de pacientes. Unha gran porcentaxe destas persoas son grandes dependentes polo que precisan coidados constantes. Requiren moita atención. A min nunca me importou. Sempre me pareceu parte do meu traballo. Estás alí oito horas e suponse que os teus pacientes son o máis importante. Como non vas a por toda a túa atención neles? Dedicas ata o último minuto da túa quenda a segurarte que a saúde desa persoa non empeorou. Fas o posible, porque se supón que ti estás alí para protexelos. Máis o fracaso é inevitable, especialmente nunha residencia onde a maioría dos pacientes sobrepasa os oitenta. Ás veces hai cousas que podemos facer para mellorar pero o mundo móvese ao seu propio ritmo. Ti non podes facer nada. Ti que se supón estás alí para facer algo, aínda que só sexa dar consolo. E nin iso conseguiches. E a frustración domínate. E buscas culpables pero esta vez non os atopas. Estás cansa de fuxir, non queres outro gran cambio. Sabes que ninguén ten culpa. Ás veces non hai nada que se poida facer mais sínteste fracasada. Que enfermeira eres sen non podes axudar cando se te necesita?
Unha das directrices principais da enfermería é a do autocoidado. Ti como enfermeira debes esforzarte en proporcionar ferramentas ao teu paciente para que poida exercer o autocoidado e por tanto sexa un individuo san e independente. Tampouco debes esquecerte da persoa que coida, esa nai ou filla que dedica a súa vida ao benestar dalgún familiar. Elas tamén deben aprender a coidar de si mesmas. Como é posible, sendo ese un dos principios da enfermería moderna que eu pasase tantos anos exercendo obsesivamente este oficio? Esquecín por completo que se trataba dun traballo. Pensei que era parte de min. Todo o mundo me admiraba por ter escollido esta profesión. Recibía amor a cambio de coidar. Como non me ía a sacrificar en corpo e en mente? Se o facía ía a recibir aínda máis amor e o amor é a felicidade! Ou non? Tanto dá, iso é o que eu cría. Ao final o único que conseguín foron varios meses de migrañas, mareos e náuseas. Porque durante anos anuleime a min mesma coa esperanza de que entregándome ao coidado de outros conseguiría a felicidade.
Si, todo se pode resumir como baixa autoestima. E que? Esa resposta non é a solución. As persoas vivimos sumidos na miseria, cubertos de merda ata os fuciños e non se sabe que é o que nos fai patexar para non afundir. Non foron as trescentasmil veces que me dixeron que me tiña que querer máis as que me fixeron cambiar. Non foron os consellos das persoas que máis me queren os que me fixeron reflexionar. Nen sequera foron as palabras da miña psicóloga. Todo iso alivioume o sufrimento como o fai un placebo, temporalmente. O que realmente funcionou foi afundirme ata o punto de decatarme de que a única razón pola que quería estar viva era evitarlle a dor aos demais. Vivía para que ninguén que me quixese estivese triste. Alegracorazonces me chamaba miña nai. E esa non é unha boa razón para vivir. De feito, chega un momento no que vivir se fai pesado. Así que tes que decidir. E decidín darme a última oportunidade. A derradeira, porque a vida só se pode vivir para un mesmo. E poida que algún día, cando aprenda iso do autocoidado, poida chegar a ser unha auténtica enfermeira.
Aquí deixovos unha canción que evoca o autocoidado feminino. Un regalo de La Mare que nos fai a todas no seu disco Sal, Arena y Mar. https://open.spotify.com/track/3F16Ijt0RbRW83XAdqqaw2?si=vqMAfFPLSRWqCYuYhgam3Q
Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán