Featured image of post A gran mexada de Pixín
Featured image of post A gran mexada de Pixín

A gran mexada de Pixín

Un relato colaborativo escrito durante o Obradoiro de Escritura Creativa de Historias de San Xoán.

Ata o de agora, a alianza entre fadas e trasnos estaba a manterse sen contratempos mais ao chegaren ao camposanto, un dos trasnos, Pixín, decidiu mexar sobre unha tumba, o que enfadou a tódalas fadas. (Jose)

–Non fagas iso! -berráronlle.

–Eu son un trasno, nada do que faga é con maldade –dixo.

E así era: os trasnos facían trasnadas e sempre dende a diversión. Pero esta vez a Pixín escapáraselle das mans. Ou mellor dito, de… E elas, sempre un pouco reprendedoras a pesar da súa doce aparencia, non ían ter compaixón tampouco esta vez. (Tamara)

–Paréceche divertido andar a mexar nas tumbas? –dicíalle unha das fadas–, pois agora cada vez que teñas ganas de mexar terás que dar tres voltas ao redor do camposanto, dar tres saltos á pata coxa e dicir: Eu nunca máis mexarei por riba dunha tumba.

O trasno burlón saíu de alí ríndose e pensando: Vaia panda de resabidas, como eu non vou poder facer pis cando me dea a gana?

Foi camiñando e camiñando, falando con uns e outros, facendo algunha trasnada polo camiño, ata que xa tiña que pasar: déronlle as ganas de mexar. Pero non podía! (Marta)

Como que non podía. Bueno señores, Pixín era un trasno e encima podía volverse invisible aos ollos das fadas. Non che eran tan listas elas, non tiñan superpoderes, voaba, pero tamén voa algunha galiña se colle velocidade…

Decidiu ir detrás do castaño máis grande, un que tapaba a lápida do ser máis poderoso do camposanto. Agora ían saber o que era bo. Pixín era o que levaba as rendas, que voltas e pinchacarneiros ao lado do camposanto. Nunca máis, eh… Aquí mesmo!

–Ala! Se se ve ao lonxe! Está Pixín a facer das súas mexando naquela lápida.

–É ben parvo, volverse invisible si, pero os ouriños… Verde radioactivo!

–Vamos rirnos todas ao seu redor e a ver canto tarda en deixar de ser invisible… Non vai ter maior escarnio que contar que non o vemos, pensar que sae vitorioso e pam! O espectáculo máis ridículo da vida de Pixín. Triunfo para as fadas! (Lorena)

Rodearon o castaño e xa o estaban a celebrar.

–Vaille das mal a Pixín! –dicía unha.

–Xa hai que ser parvo! –ría outra.

Cando acabou de correr o líquido radioactivo agardaron. E agardaron… E agardaron… Pero que estaba a pasar? E Pixín?

De súpeto, oíron un riso que resoaba en todo o camposanto.

–De veras que contabades ser máis listas que un trasno? –Pixín, vitorioso, mexaba dende o alto do castiñeiro e facíao por riba delas.

Estaba claro que ser correcto non era o seu forte. Desta maneira, tras séculos de alianza entre fadas e trasnos, todo se rompeu por unha mexada. Iso si, unha gran mexada. (Gonzalo)



Apoia a autora e recibe as últimas publicacións subscribindote en:
Instagram Medium Youtube Telegram

Bótalle un ollo ao seu último libro 📕, En Brandán
Licensed under CC BY-NC-SA 4.0
comments powered by Disqus
Creado con Hugo
Tema Stack deseñado por Jimmy